lunes, 28 de junio de 2010

AND DE WINNER IS

Foto enviada pola nosa flamante ganadora no momento de enterarse da noticia


NORABOAAAAAAA NEW SECRETARY

miércoles, 23 de junio de 2010

BINGO 2010


Este ano, e para confirmar a nosa total integración no barrio de San Pedro (anuncio no libro da comisión incluído) o bingo celebrarase o sábado 26 de xuño, día en que festexamos o noso santo, ás 17:00, no campo da romería (parque de Belvís). Esperemos que a enchenta de comida e o licor café nos permitan atender minimamente á saída das bólas e ao tachado dos cartóns. 

Lembrade que este ano hai que apoquinar 57 €, pero que como é o día que é, non se pagarán ese día, senón directamente ao gañador con posterioridade.

Suertutti per tutti!


O futuro ex-secretario

lunes, 7 de junio de 2010

PERIPLO ISLANDÉS

Breve, dentro do que puidemos, resumo do noso periplo islandés, redactado a catro mans. É máis curto do que parece, xa que ten bastantes fotos. Outro día a proba e mais as fotos!


DÍA 0. CHEGADA

As azafatas de Aicelandair levan gorros que semellan tirados de imaxes de películas de Iberia dos anos 60. Ao chegar, realmente é estraño aterrar ás 12:30 da noite e que aínda estea anoitecendo. Un pregúntase se ambas as cousas non terán algo que ver co consumo excesivo de pintas no aeroporto de Londres.

Non é lenda urbana, efectivamente, os hoteis non teñen persianas. Esta peña está flipada!

 

DÍAS 1 e 2. REYKJAVIK


48 horas na capital permiten descubrir e confirmar unha serie de cousas:

-         Que nos países onde non teñen froita os zumes de bote non son tan malos (e ata hai algún bo!).

-         Que as islandesas son partidarias do clásico axioma “para estar guapa hai que sufrir” (a 9º C e as tías en sandalias e minisaia!!)

-         Que a rúa comercial de Reykjavik parece, máis que a 5ª avenida, a rúa principal de Cicely.

-         Que a carne de balea sabe a fígado de tenreira.

-         Que nun país no que supostamente case non hai arqueoloxía, atopamos o mellor museo de sitio que coñecemos ata o momento. (a quen lle que pulse aquí)

-         Que neste país o que realmente arrasa é o botellón e os coches 4 x 4 con rodas de tractor.

-         Que o cordeiro islandés non sabe a cordeiro (e está boísimo).

 

DÍA 3. CÍRCULO DOURADO

Visitados os lugares con máis atractivo turístico do entorno da capital descubrimos que non existe país no que Mariajo non poida queimarse.

 


DÍA 4. CAMIÑO A SNAEFELLSNES


Vista unha cascada vistas todas!!! O turismo verde está moi sobre valorado -Mariajo dixit. Semella que xa lle afecta o queimado.


Por certo, non é o monte Fuji: é a entrada ao centro da terra.

 

DÍA 5. SNAEFELLSNES

O que semellaba queimado resulta ser o bronceado local... estes tipos están granates e seguen tomando o sol (na neve!!). Por certo, Xulio Verne debería ter collido o Snowcat, é o máis cómodo para chegar ao cumio dun volcán-glaciar.


Viaxe a toda hostia polo NW ata Akureyri, total para chegar ás 9, e que os restaurantes estivesen todos pechos. Cea no cuarto do hotel comprando embutido e pan (porque esta xente ten pan de vedade, aínda que o coma como entrante) nunha tenda 24 horas que só abría 12!

 

DÍA 6. AKUREYRI / FIORDOS DO NORTE

Como estes hainos en Galicia a dar cun pau!!! (a cor granate non semella mellorar o humor da rubia!!)

Proba superada: primeiro baño nunhas pozas........e ao final nevou!!!


 

DÍA 7. PARQUE NACIONAL JÖKULSÁRGLJÚFUR (con perdón)

“Acongojaditos” coa neve, pensamos que quedabamos todo o día no hotel!! Pero ao final ata tivemos tempo de facer unha tarde de sendeirismo (iso si, baixo as folerpas). E resulta que non todas as fervenzas son iguais...

As gasolineiras-baiuca son un gran invento, e un centro de reunión social para a terceira idade.

Para rematar o día, novo baño nas pozas, e para cear dúas cervexas por barba (temos un problema cos horarios deste país).

 

DÍA 8. LAGO MÝVATN

Ou lago das moscas, é impresionante cantas pode chegar a haber, semella que viñeron para aquí todas as de Somalia!!! (O da foto non é po, asegúrovolo!)

Iso si, a paisaxe de formacións volcánicas é espectacular. E o cordeiro segue a estar para chuparse os dedos.

 

DÍA 9. FIORDOS DO LESTE

Este é un gran país se es unha ovella (novas reflexións da señora granate que conduce o coche)

Ceamos a maxihamburguesa especialidade da casa ás 7:30 da tarde (era sábado e pechaban a cociña ás 8). Masivo apoio popular ao representante islandés en Eurovisión, máis da metade do pobo estaba no bar (o resto dos 167 habitantes do pobo debía estar no da competencia).

 

DÍA 10. VATNAJÖKUL

Moi bonitos os glaciares, pero logo de ter estado en Patagonia, “é como ir a Terra Mítica despois de facer un cruceiro polo Mediterráneo” (citamos textualmente á grande filósofa granate). O lago cos icebergs si que é flipante, pero máis aínda o barco/camión anfibio no que se fai a visita. Novamente pequena camiñada para ver parte do parque e outra fervenza diferente, esta con columnas de basalto.

Rica cea islandesa (semella que non nos cansamos do año e do bacallau!).

 

DÍA 11. VIAXE CARA AO SUROESTE

Espectacular ruta por paisaxes (e clima) galego, pero sen lavadoras, frigoríficos ou canteiras na marxe das pistas, e con novas fervenzas. A néboa semipermanente que cobre esta zona do país, a máis chuviosa, impídenos ver un glaciar e o maldito Eyjafjalla.

Visita romaría para coller cinza volcánica. Esperemos que sexa milagreira.

 

DÍA 12. O REGRESO

Despois de medio durmir nun hotel-avión (con ruído de hélices incluído), voltamos ao fogar sen poder comer no centro de Londres con Andresín tal e como tiñamos programado, grazas, como non!! a Iberia! Isto non semella mellorar o humor da vikinga, aínda que parece recuperar a súa cor natural (vermella, non granate).

Por certo, o gorro das señoritas de Icelandair non foi produto dos efluvios alcohólicos, pero non me atrevín a facerlles unha foto.... 

miércoles, 2 de junio de 2010

VIAXE REALIZADA


Xa estamos de regreso (chegamos onte ás 9:30 da noite, co tempo xusto de ver o último capítulo de Perdidos traducido). En breve colgaremos unha pequena explicación do periplo realizado, e a xustificación da proba.

Como resumo, pódovos avanzar que Islandia é un atraso de país: toda a costa e os montes pelados. A de urbanizacións e eucaliptos que se poden plantar alí!