sábado, 29 de septiembre de 2007

"Viaxe a Cuba" (só para incautos)

Saúdos da Lidis! Ainda que un pouco tarde, publico esta especie de "diario habanero". A intención era facer un resumo da nosa viaxe a Cuba, pero é evidente que a miña capacidade de síntese é limitada. Así que, para o que teña tempo e o grado de masoquismo correspondente..."Aí volo dejo!"

La Habana (agosto, 2007)

DÍA 9:

O avión chega á Habana ás 17:45h, despois de nove horas e media sobre o Atlántico. É verdade, o aeroporto ten un arrecendo especial, como a algo afroitado… Aduana, equipaxe e troco a moeda turista (pesos convertibles). Dúas horas máis tarde saímos. Fora vai calor, por suposto, unha calor densa e húmida. Un taxi co aire acondicionado a tope lévanos ao hotel. Primeiras visións da Habana: pouco a pouco aparecen casas baixas de cores, edificios descunchados, algúns erguidos no camiño coma se foran esqueletes; coches, carros, sidecars, bicis, e xente, moita xente polas rúas.
O noso hotel está a carón da bahía. Chámase Armadores de Santander. Subimos co portamaletas a unha habitación inmensa, fresca e acolledora, de teitos altos e pavimento hidráulico no chan. Ten dúas portas, pero non hai ventás. Na parede, fotos antigas da Habana.
Despois da ducha decidimos ir tomar un “tentempié” (en palabras de Artur), sen pararnos moito, que estamos “esghotados”… Camiñamos hacia unha praciña e alí atopamos o “Café del Oriente”, edificio anos vinte, amplio; mármol, barra de madeira, lámpadas de cristal,… Agardaba por nós! Non o dubidamos e entramos. Nun dos recunchos un home toca o piano e ao seu carón unha mullerona negra -coma el- espera o seu momento para cantar e acompañarlle coas maracas. Sentámonos cerca deles, nunha mesiña á beira da parede con espello. Parrillada de carnes, peixes e mariscos. E de postre?... mojitos! E eso que a nosa intención era “picar” algo!
Primeira bocanada da Habana.

DÍA 10:

Ás 8:30h, no hall do hotel, a representante de Angalia (Eunice) dábanos consellos prácticos para a nosa estancia no país:
- “¡Cuidado sobre todo los gallegos!, que sois los más confiados y a los que más estafan…”
Despois de almorzar, Óscar, un amigo da familia, agárdanos na entrada. Sonreínte, coma sempre. Óscar é un home negro, duns sesenta e pico anos, pelo canoso e ollos escuros e verdosos, cun brillo profundo. Moi agradable e sempre correcto e oportuno. Ri moito e fala baixiño. Traballou de mariñeiro-mecánico naval. Agora está xubilado e adícase a vender artesanía de coiro nun mercadillo co seu fillo. Óscar vai ser para nós un amigo e un guía excelente.
Fora temos un día resplandecente. Dirixímonos ao seu coche, un vehículo increíble de dimensións liliputienses, cor granate e vintetantos anos a bordo. Entrañable. O mellor é a palanca de cambio tuneada: como de metacrilato, dentro ten unha cuncha sobre area e ao lado pon: “Cuba”, tipo souvenir das Canarias. Impresionante, chico! Imos dar unha volta pola Habana Vella. Arrancamos: o Malecón, Salvador Allende, El Prado, La Rampa,… pasamos diante de Coppelia e a súa famosa cola; os arcos adornan a parte baixa de moitos edificios, nas grandes avenidas. Decidimos parar á altura do Capitolio e visitalo por dentro. Cando saímos vai calor e imos tomar un refrixerio ao Hotel Sevilla, non moi lonxe de alí. Sentámonos no patio interior, estilo andaluz, tan abundante na Habana Vella. Aire fresco e limoadas. Logo dun rato decidimos ir comer ao Habana Libre. Cando chegamos ao hall do hotel, respírase a historia revolucionaria. Imaxino ao Che e os demáis sentados nos butacóns centrais, mentras a luz entra polas vidrieiras do teito. O restaurante ao que imos chámase Barracón. Óscar toma peixe (pargo), Artur carne de porco guisada e eu polo, cun rebozado de coco. Bastante bo. Despois pedimos uns cortados mentras falamos do ambiente político na illa. Óscar é consciente dos logros sociais da revolución (neste país todo o mundo ten vivenda, educación e sanidade gratuitas, e as necesidades alimenticias básicas están cubertas) pero mantén un punto de vista crítico sobre certos aspectos: coméntanos que hai hoteles e restaurantes onde os cubanos non poden ir –situación indignante e paradóxica- existe corrupción a diferentes niveis, e hai moita escaseza material.
Voltamos ao coche e visitamos o mercado de Cuatro Caminos. É un mercado de “viandas”, é decir, de hortalizas, froitas, verduras e cereais. Hai bullicio ao redor do ruinoso edificio. Dentro, o conxunto resulta digno de ser visto: mangos, papayas, guayabas, plátanos de tódolos tamaños, aguacates inmensos, boniatos, yucas, frijoles,… A visita é un visto e non visto. Voltamos ao hotel a descansar un pouquichiño e nos despedimos de Óscar hasta o día seguinte.
O pouquichiño transfórmase nunca sesta impresionante de máis de tres horas (deixémolo aí). Ás 11 da noite saímos dar un un paseo. No camiño, cerca do mar, un vello e unha vella falan sentados nunhas escaleiras. Á súa beira uns nenos xogan descalzos no chan ainda quente. Máis adiante, un grupo de xóvenes iluminados por unha farola, bailan ao ritmo da música que chega do Habana Club. Continuamos.
A Habana é unha cidade chea de xente por todas partes, unha cidade aberta día e noite.
Camiñando cerca do Floridita, Rolando preguntounos a hora e comenzou a “maquinearnos”: “¡Ah, españoles!, yo me voy a casar con una española de Alicante…me paro porque sois españoles…yo soy Rolando, bla, bla,…En Cuba somos 11 millones y 6 son policías, bla, bla,… Chiquito de la Calzada, Julio Iglesias…”.
Rolando é un deses cubanos que vive do turismo. A situación de partida é a seguinte: o salario dun cubano en pesos está entre 12 e 15 euros nosos, así que os turistas somos unha fonte de diñeiro fácil para os que deciden non traballar para o seu país.
Levounos a un edificio chamado Rosalía de Castro. Subindo as escaleiras había un retrato da poeta debuxado en baldosas, rodeado por unha serpentina de luces. Moi kitch. No segundo piso había un bar e un restaurante, todo con aire de centro galego (escena costumbrista de romería incluida, nunha das paredes). Alí tomamos un par de mojitos con Rolando, que nos da algúns enderezos e nos conta que ten unha filla chamada Penélope, “Como la actriz”. Ao saír dámoslle algún peso e nos despedimos.
Andamos hacia o Malecón onde ainda quedan restos do Carnaval. Pasamos ao lado dun grupo de xente que baila reaggeton e, nunha barra un pouco máis adiante, pedimos dúas cervezas Bucanero. Sentámonos no muro a observar o Malecón: o imaxinaba (case) tal cual, só que esperaba máis luces e neóns nos edificios. A pedra desprende calor e corre un lixeiro airiño; estáse ben. A maioría da xente é cubana. Uns pasan falando, outros cantando, e de cando en vez ofrécennos cucuruchos de maní. Despois dun anaco decidimos poñer rumbo ao hotel. ¿Por onde voltamos? Deixámonos ir, e pasamos entre parques, prazas e maxestuosos edificios coloniais, algúns en restauración. A brisa trae un aroma forte a salitre cando entramos no hotel.

DÍA 11:

Un músico de pelo trenzado e pinta simpática nos acompaña no almorzo.
Ao rematar, saímos fora e chegamos á Plaza de Armas onde nos paramos a mirar uns postos de libros (literatura cubana, sobre todo). Máis adiante atopamos un mercadillo de artesanía: moita pintura, coiro, cerámica e xoguetes feitos con materiais reciclados. Levaríame un carro cheo de cousas! Despois dun rato camiñando entre os tenderetes, as gotas de suor esvárannos polas pernas. Sentámonos nun banco á sombra e bebemos a auga duns cocos cunhas palliñas. Continuamos. Plaza de la Catedral, Bodeguita del Medio, Calle Empedrado, Calle Obispo,… Unha morea de xente camiña en tódalas direccións, sempre acompañada dalgunha música que baixa dalgunha ventá ou sae dun local.Cando a calor apreta, páraste a sombra dos edificios e debaixo das árbores nos parques. Non me cansaría nunca de observar á xente. Vestida de branco, unha vella octoxenaria fuma un puro sentada nun peldaño. Procura a foto do turista. Asomada a un balcón azul, unha muller negra, de pano verde na cabeza, mira a uns nenos xogar. Mentras camiñas, arrecendos e cheiros variados chegan a borbotóns: ás veces son ráfagas de fuel e desagües, outras, aromas de froitas e panecillos quentes con carne, que se venden nos postos da rúa. Comemos unhas pizzas e bebemos auga abundante. Andando de volta ao hotel atopamos a Plaza Vieja, todo un descubrimento. Alí visitamos unha Escola Primaria, que nos ensina amablemente a súa directora.
Cando chegamos á habitación caemos rendidos na cama.
Pola tardiña, Óscar ven buscarnos e montamos de novo no seu bólido. Imos á Habana Nova. Plaza de la Revolución, espazo inmenso. Estamos xusto en frente do lugar onde Fidel fai os seus discursos. Aló, ao fondo, a estampa do Che. Deixamos a un lado o Teatro Nacional e dirixímonos ao Malecón. Aparcamos unha vez que chegamos a altura do Meliá, que semella unha torre fronte ao mar. Óscar dalle unhas moedas ao paisano que está alí vixiando. É a hora do solpor. Apoiados no muro miramos o Caribe, mentras falamos de tabeiróns e naufraxios. Logo, de novo no coche, atravesamos Vedado, o antiguo barrio rico e residencial. O camiño é unha longa avenida franqueada por árbores; aos lados, as grandes casonas de escaleiras e porches, están okupadas polo pobo, o cal produce unha sensación estraña… e regocixante… Moitas das embaixadas teñen a súa sede aquí.
Chega a noite e decidimos ir cear á Casa de Rosalía. Todo estaba bárbaro: tostones (plátano “machucado”), moros e cristianos (arroz con frijoles), xeado Coppelia de chocolate…
Xa na terraza do hotel, contemplamos a noite calma sobre a bahía.

DÍA 12:

Erguémonos ás 8 para ir a Batabanó, localidade da provincia da Habana situada a uns cincuenta e pico quilómetros da cidade. Alí viven uns primos da miña nai os que imos visitar. Óscar, que moi amablemente prestárase a levarnos hasta alí, chega un pouco máis tarde do que acordáramos, xa que –segundo explicou- pinchou no camiño, e tivo que ir buscar un “ponchero” (arranxa neumáticos) de urxencia.
Paseniño, paseniño, imos facendo camiño: todo é unha inmensa planicie verde, onde alternan caña, plataneiras e outros cultivos, con enormes extensións gandeiras. O desfile de vehículos que circulan pola autoruta é do máis variopinto e curioso: hai coches dos anos 50 en tódolos modelos e cores; algúns inmensos e, ás veces, tuneados; outros , coma o de Óscar, son dos 70 ( modelos rusos, franceses,…); hai taxis-ovos amarelos, sidecars, bici-taxis, carros de cabalos, autobuses do ano da polca e camións destartalados que funcionan como transporte público e fumegan que dá gusto… En fin, todo un espectáculo para os ollos…
O tempo está tormentoso e caen unhas pingas. Chegamos. O pobo ten un aspecto bastante lamentable; acaba de chover e non hai asfalto nas rúas. Hai barracóns a ambos lados que semellan descoidados e bastante miserables. Chegamos a casa de Juan, unha construcción nova de planta baixa, cun porche todo ao redor. Recíbennos moi cariñosamente el e as súas irmás Nélida e Carmen (esta é a irmá maior: unha muller vella, de aspecto increíble. Alta, flaca coma unha vara e moi moi enrrugada. Ten media melena branca e uns pequechos ollos azuis, redondos e afundidos. Semella unha aparición!). Ademáis tamén están os fillos e netos. Invítannos a comer e ficamos un pouco sorprendidos porque á mesa só nos sentamos nós os tres. Óscar explícanos que é costume en Cuba: primeiro comen os invitados e despois os da casa. Ao final, como hai sitio, tamén se senta Juan connosco. Todo está delicioso: polo, arroz, frijoles, aguacate, plátano frito, tostones, ensalada de pepinos, pudin, froita e café, nunhas taciñas coma dedais. Juan e as irmás son anticastristas e critican ao goberno cubano. Nos apuntámoslle algunhas das desventaxas do sistema capitalista (que eles tanto idealizan), tratando de non entrar en grandes polémicas que non virían a conto nese momento. Despois grabámolos para a posteridade. A filla de Neli invítanos a ir á súa casa, nun pobo veciño. Este ten un aspecto máis coidado. A vivenda é de madeira é está moi ben conservada. Sentámonos nas típicas mecedoras do porche a falar un rato hasta que poñemos rumbo á Habana. A verdade é que foron todos encantadores e moi amables.
Chegamos ao hotel e nos despedimos de novo de Óscar. Saímos a cear ao restaurante La Mina, na Plaza de las Armas onde nos ofrecen comida cubana amenizada cun trío musical (“Chan Chan é o “greatest hit” que non falla). Ao rematar imos ao Floridita, un deses lugares cun pouso difícilmente esquecible. Estatua de bronce de Hemingway nunha esquina da barra e fotos nas paredes. Combinación de vermello e negro. Tomamos un daiquiri riquísimo e irrepetible nunha penumbra de aromas antigos.
Voltamos ao hotel a descansar, xa que ás 4 da madrugada un taxi nos recollería para ir ao aeroporto rumbo a Santiago de Cuba. Agora que xa lle estabamos collendo o gustillo á Habana…! Haberá que voltar…!