jueves, 22 de agosto de 2019

Iñaki inverno: Corfú

Por suposto, un ano máis non podía faltar unha illa grega entre as propostas. E si, sigo a mandarvos a illas...


Corfú ten unha capital (Kerkyra) que está declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. É unha cidade portuaria fortificada que se remonta ao século VII a. C pero desde finais da Idade Media pertenceu á República de Venecia, que construíu as súas fortalezas para defendela do Imperio Otomano.Como curiosidade, na illa tamén poderedes visitar a villa de veraneo da emperatriz Sisí.



Pero Corfú é fundamentalmente sol e praia, un lugar ideal para descansar e saír uns días da longa noite de pedra que é o noso clima de outubro a maio. E, os que sexades un pouco frikis, poderedes buscar a pegada do neno Gerald Durrell pola illa.


A viaxe está pensada para ir ou a finais da primavera ou a comezos do outono (maio/outubro serían unhas boas datas). Hai varias posibilidades para chegar alí: ben vía Londres-Stansted con Ryanair oud desde o Porto con Olympic ou Aegean. En calquera caso, os voos saen (a día de hoxe) por uns 300 €. Aínda que cheguen a 400, aínda vos quedas máis de 600 para hoteles. E xa vos digo que a oferta hoteleira é moi variada, desde sitios pijos ata aparthoteles moi interesantes de prezo (e moi ben valorados). Para mediados de outubro deste ano é fácil ir 7 días sen problema. Mesmo daría para alugar un coche algúns días.