Atravesar a illa de Gran Bretaña de norte a sur en tren? Unha burrada? Imposible por 1.000 €? Diso nada! Proba superda! Existe unha páxina que che permite programar a túa viaxe en tren por toda a illa sen problema, desde Aberdeen (centro-leste de Escocia) ata Penzance (Cornualles). Realmente a idea é voar ata alí e logo ir visitando varias cidades de norte a sur trasladándose entre elas en tren. En realidade a viaxe é completamente moldeable aos gustos de cada un e as posibilidades de paradas son múltiples.
Isto é o que conseguín argallar polo noso orzamento, pero, repito, as paradas poden amoldarse ao voso gusto:
1. Voamos desde Vigo a Edimburgo con Ryanair (100 € con mala sorte) [para os picheleiros, de nacemento ou residencia, hai bus urbano de Vigo que vai ao aeroporto cada media hora e para fronte á estación de tren: non é preciso ir en coche]
2. Desde aquí movémonos en tren visitando estas cidades (as que se me ocorreron a min, poden ser outras) e con esta estadía:
2 noites en Edimburgo
1 noite en Durham
2 noites en York
1 noite en Birmingham
1 noite en Bristol ou Exeter (máis caro)
As viaxes de tren valen isto:
Edinburgo-Durham: 13,00 libras
Durham-York: 10,00 libras
York-Birmingham: 31,00 libras
Birmingham-Exeter: 50,00 libras [Bristol 44,30]
Exeter-Stansted: 50,00 libras [Bristo 31,50]
Total: 175 € (a día de hoxe)
Desgraciadamente, partir de Aberdeen e chegar a Penzance é un pouco difícil, especialmente o último, porque a viaxe desde alí a Stansted faise eterna.
3. Voo de volta desde London-Stansted a SCQ con Ryanair (100 € con mala sorte)
Con estes cálculos, os transportes son só 375 €, de modo que nos quedan case 700 para os hoteis, o que se fosen 7 noites sería a 100 € a noite, se fosen 8 (igual hai que durmir preto de Stansted, en función da hora de saída do regreso), sería a pouco máis de 85 €. Hai sitios onde dá de sobra e outros onde o aloxamento é algo máis caro, pero, en todo caso, hai posibilidades de todo tipo que encaixan nese presuposto, e mesmo nalgún sitio con algún pequeno luxo (catro estrelas, eh? non me pidades marabillas).
Ala! Animaivos, que é unha viaxe ben chula e unha forma moi tranquila de atravesar a illa sen conducir polo lado "correcto" da estrada.